Sociedad Editora Universal
Sociedad Editora Universal | |
---|---|
Tipo | empresa e editorial |
Data de fundación | 1920 |
Data de disolución | 1939 |
País | España |
[ editar datos en Wikidata ] |
Sociedad Editora Universal (ás veces chamada «El Trust») foi unha importante empresa editorial e xornalística española que existiu durante as décadas de 1920 e 1930. Esta empresa foi a sucesora da Sociedad Editorial de España, propietaria dun grupo de xornais na España da restauración. O grupo estaba formado por Heraldo de Madrid,[1] El Liberal de Madrid,[1] El Liberal de Sevilla,[2] El Defensor de Granada,[3] El Liberal de Murcia,[4] a revista Royal e o semanario La Moda Práctica.
Historia
[editar | editar a fonte]A sociedade constituíuse en 1923 cando os irmáns Manuel Busquets e Joan Busquets,[4] xunto ó avogado Amadeu Hurtado, adquiriron o "trust" xornalístico Sociedad Editorial de España.[5][6] Todos eles formaron o núcleo de accionistas até 1927, cando Hurtado se desvinculou da empresa. O administrador, Antonio Sancristán Zavala,[7] foi o impulsor do acordo e anos máis tarde converteuse tamén en accionista. Os principais diarios da empresa eran o Heraldo de Madrid e El Liberal, ambos con sede na capital de España.[8] Pola súa banda, El Liberal de Sevilla converteuse no principal diario da rexión andaluza, cunha tirada diaria de 50.000 exemplares.[9]
A Sociedad Editora Universal foi un grupo editorial de grande éxito durante os seus anos de actividade, especialmente na etapa republicana, cando repartía dividendos do 11% do capital ós seus accionistas e emprendía fortes investimentos en maquinaria, como a rotativa Wifag encargada en Suíza en 1936. A estabilidade na propiedade foi a chave do crecemento dos xornais da sociedade que, no caso de Heraldo de Madrid, rompeu todas as marcas e tivo nestes anos unha traxectoria ascendente —en contraste co Liberal, que entrou nunha etapa de decadencia—.[10] Isto supuxo que a empresa fose economicamente rendible, a diferenza dalgúns dos seus rivais como La Papelera Española,[11] e permitise acometer —entre 1934 e 1936— unha forte expansión do capital social, que aumentou desde 1,8 millóns de pesetas até os 5 millóns.[12]
Tras o estalido da Guerra Civil Española en xullo de 1936, a empresa sufriu as vicisitudes da contenda. Os xornais da sociedade foron incautados pola Falanxe Española a medida que as tropas franquistas entraban nas cidades españolas. O director do Defensor de Granada, Constantino Ruiz Carnero, morreu durante a represión na súa cidade,[13] mentres que El Liberal de Sevilla foi arrasado polas tropas de Queipo de Llano cando este advertiu que se tentaban imprimir panfletos contrarios á sublevación militar. As publicacións que quedaron en zona republicana continuaron editándose baixo a xestión de comités obreiros. As instalacións de Heraldo de Madrid e El Liberal de Madrid na rúa do Marqués de Cubas[4] foron ocupadas por un grupo de falanxistas o 27 de marzo de 1939, coincidindo co final da contenda.
Os bens de produción da sociedade foron incautados por FET e das JONS, e nunca foron devoltos nin indemnizados os seus propietarios a pesar das innumerables xestións realizadas desde data tan temperá como 1947 e até a máis recente iniciativa, tratada no Congreso dos Deputados en novembro de 2009.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Langa Nuño 2007, p. 52.
- ↑ Langa Nuño 2007, p. 48.
- ↑ Ruiz Sánchez 2005, p. 22.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Checa Godoy 2006, p. 104.
- ↑ Reig García 2011, p. 109.
- ↑ Langa Nuño 2007, p. 45.
- ↑ Sáiz & Seoane 1996, p. 268.
- ↑ Gutiérrez Palacios 2005, p. 30.
- ↑ Reig García 2011, p. 123.
- ↑ Sáiz & Seoane 1996, p. 428.
- ↑ Checa Godoy 2006, p. 105.
- ↑ Martínez 2005, p. 184.
- ↑ Gibson 1981, p. 141.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Checa Godoy, Antonio (2006). Prensa y partidos políticos durante la II República. Universidad de Salamanca. ISBN 84-7481-521-5.
- Gibson, Ian (1981). El Asesinato de Federico García Lorca. Barcelona: Editorial Bruguera.
- Gutiérrez Palacio, Javier (2005). República, periodismo y literatura. Tecnos.
- Langa Nuño, Concha (2007). De cómo se improvisó el franquismo durante la Guerra Civil. Sevilla: Centro de Estudios Andaluces. ISBN 978-84-611-5333-6.
- Martínez, Jesús A. (2001). Historia de la edición en España, 1836-1936. Madrid: Marcial Pons Historia.
- Reig García, Ramón (2011). La comunicación en Andalucía: Historia, estructura y nuevas tecnologías. Sevilla: Centro de Estudios Andaluces. ISBN 978-84-939078-0-8.
- Ruiz Sánchez, José-Leonardo (2005). Catolicismo y comunicación en la historia contemporánea. Universidad de Sevilla.
- Sáiz, María Dolores; Seoane, María Cruz (1996). Historia del periodismo en España 3. El Siglo XX: 1898-1936. Alianza Editorial.